Descrición

Esta é a igrexa máis antiga de todas as parroquias que conforman o concello de Pol. En honra a Santa María, trátase dunha obra románica da segunda metade do século XII ou principios do XIII. Aínda que a fachada foi restaurada, os dous muros laterais consérvanse íntegros, o mesmo ca o tímpano, no que figura unha inscrición que fai referencia á necesidade de purgar os pecados para toda persoa que queira alcanzar o Reino dos Ceos. Tamén son interesantes os canzorros e un pequeno reloxo solar, malia que está bastante deteriorado. A contorna complétase cunha grosa castiñeira de indias e unha pía bautismal.