Descrición
As ouriceiras (noutras zonas de Ancares e Asturias chámanse “corrizas” ou “corripas”) son unhas construcións circulares de algo máis dun metro de altura, erguidas a base de pedras da zona, nas que se gardaban durante un tempo as castañas acabadas de caer das árbores. Este froito está recuberto dunha grosa protección con abondosas espiñas que forma unha especie de ourizo. Ao telas un tempo nestes espazos facilitábase o secado e a súa conservación, ademais de que permitía que o froito se puidese separar máis doadamente. Neste tramo pódense atopar varios exemplos destas antigas ouriceiras recubertas de abondosos musgos e plantas que, xunto coa contorna singular, nos permiten descubrir múltiples micropaisaxes.