micropaisaxes

atopa paisaxes impresionantes que podes tocar

qué é unha micropaisaxe

Dicimos estar ante unha micropaisaxe cando localizamos un pequeno espazo en torno a un elemento singular, natural ou artificial, que compón unha imaxe tan agradable que atrae a nosa atención.

A proximidade de quen observa e as sensacións que xera esa vista son os dous aspectos principais e necesarios para que poidamos caracterizar unha micropaisaxe. Fronte á paisaxe convencional,  onde a nosa ollada abarca a miúdo varios quilómetro e é imposible tocar os seus elementos desde a posición de observación, as micropaisaxes están a tan só uns metros. Podemos tocalas, movernos  na súa contorna, compoñer unha ou varias imaxes cos elementos que as rodean e conforman.

Trátase sempre, ademais, de conxuntos visuais que han de xerar sensacións pracenteiras na ou no visitante, xa sexa pola composición, as pegadas do paso do tempo (mesmo do abandono), os son (o murmurio da auga, o vento, o canto dos paxaros), os olores, o silencio, a calma. É neste punto onde reside o seu verdadeiro valor. Nesta capacidade para que novas sensacións, de cote persoais e subxectivas, aboien na súa contemplación. Pensemos, por exemplo, nunha pequena capela sen maior transcendencia arquitectónica. Conformará unha micropaisaxe, malia o seu pouco valor histórico ou monumental, se está integrada nun conxunto harmonioso que compoña unha imaxe de grande atractivo, coa percepción sensorial de sons, olores e matices que, en conxunto, xerarán unha grata experiencia de observación.