Descrición

Esta pequena e curiosa capela, con forma de baldaquino, garda no seu interior un cruceiro e un peto de ánimas datados entre os séculos XVI e XVIII. Tres dos seus lados están abertos e protexidos por unha cancela de ferro que deixa ver o interior. Na base do cruceiro hai unha inscrición dedicada a Santa María; no varal, de sección hexagonal, pintáronse símbolos da Paixón. O capitel, que conserva restos de policromía, leva un Cristo crucificado por unha cara e a Virxe co Neno pola outra.