A Caniza, os recunchos da Paradanta

A Caniza sitúase no sueste da provincia de Pontevedra, na comarca da Paradanta, no límite con Ourense. É terra de media montaña, de vales regados polo Deva e o Ribadil e de serras onde aínda pacen cabalos en liberdade. Polos seus camiños subían os romeiros ao santuario da Franqueira e paraban os viaxeiros da antiga estrada de Vigo a Villacastín. Hoxe atravésaa a Vía Mariana.

Micropaisaxes é outra forma de descubrir o territorio. Non propón grandes panorámicas nin monumentos de primeira orde. Propón pequenos lugares que están a uns metros de quen mira: unha fonte, unha ponte dun só arco, unha ringleira de pedras para cruzar o río. Son recantos que se poden tocar, escoitar e cheirar, e o seu valor está tanto na imaxe que compoñen como nas sensacións que espertan.

Na Caniza, estas micropaisaxes teñen nome propio: son os recunchos, a palabra galega para eses recantos agochados e próximos. A Rede de Recunchos da Caniza reúne 18 enclaves, desde a Mámoa das Achas ata os cruceiros de Petán. Unha turbeira de montaña que garda a auga coma unha esponxa, unhas poldras sobre o Deva, un muíño e un serradoiro movidos polo mesmo regato, unha neveira dos frades, un balneario de augas ferruxinosas, cruceiros, pazos e fontes contan, cada un á súa escala, a historia dunha comunidade que viviu da terra, da auga e dos camiños.

Cada recuncho ten a súa ficha con audioguía descargable e vídeo en galego e castelán. Percórreos sen présa e lembra que moitos están en aldeas habitadas, fincas privadas ou espazos naturais fráxiles, como as turbeiras: mira, goza e non deixes máis pegada ca o teu paso.

0 Resultados Atopados